Día das Letras Galegas: versos de Xela Arias

Día das Letras Galegas: versos de Xela Arias

| Caldaria Hoteles y Balnearios

O Día das Letras Galegas é a máis grande conmemoración da cultura galega. Cada 17 de maio, Galicia exalta a súa literatura e a súa lingua. Neste 2021, a celebración dedícaselle á poeta Xela Arias (Sarria, 1962 – Vigo, 2003).

A Real Academia Galega acordou homenaxear este ano a quen foi “unha das voces máis destacadas da poesía galega contemporánea” e recoñecer igualmente a dimensión pública e comprometida da vida e da obra desta autora. Xela Arias, que tamén foi editora, traductora e profesora, é autora dunha poesía “singular, transgresora, sincera e comprometida” que será celebrada ao longo de todo este 2021. A crítica di dela que foi unha poeta de difícil clasificación polo sorprendente da súa escrita. Hoxe achegámosche algúns dos seus versos máis destacados para que poidas coñecer máis desta figura das letras galegas.

Xela Arias

En 1986 públicase na colección Ventobranco de Edicións Xerais o primeiro libro de poemas de Xela Arias, Denuncia do equilibrio, que revela, en palabras de Ana Romaní (quen asina a súa biografía na web da Real Academia Galega), “unha voz singular á marxe das marcas poéticas do momento”. Son “poemas indagatorios de linguaxe fracturada que exploran un universo de suxeitos á procura. Voces dun eu que é múltiple e se desdobra, percorren en fuga, e ao tempo en tensa espera, unha paisaxe de espazos urbanos”. Como exemplo:

 

E todo competiu para atoparnos
parados no borde da praia
o mar e soñando cabalos
soñando cabalos embelesados
Logo non estaban
          Denuncia do equilibrio, 1986

 

Logo chegaría Tigres coma cabalos (Edicións Xerais de Galicia, 1990), onde se ve unha clara evolución do seu estilo, aínda que mantén a maioría dos temas e símbolos que xa tratara no poemario anterior, aínda que revisándoos, apunta Jesús Expósito no seu estudo sobre a obra da poeta viguesa:

 

Déixome regresar coma a gata á túa boca e apouséntome nela,
Non querería caer de ti.
Coma hoxe
No meu corpo xúntanse as túas mans facendo historia,
As miñas inclinan nas túas costas os abrazos desde a infancia.
Agora nós,
Corpo que añoraba cando morríamos
De cada vez.
           Tigres coma cabalos, 1990

 

En Darío a diario (Edicións Xerais de Galicia, 1996), Xela relata a súa experiencia coa maternidade en 23 poemas “que no amor polo fillo debullan ao mesmo tempo dúbidas e certezas da autora”. Coma este:

 

Imos, meu ben, camiñar sereno
pola cidade sen ramplas nas aceras. Imos
comeza-lo xeito da túa vida, e mírame,
mesmo as bolsas dos meus ollos serán monecos
dos teus días xunta min.
             Darío a diario, 1996

 

En 2003 publicou o seu derradeiro libro, Intempériome, “un rotundo e lúcido libro negro que condensa as liñas máis persoais da súa escrita”, define Romaní. Desprégase nunha estrutura en tres partes: un único e longo poema inicial, na primeira, e poemas mais breves, crebados nos límites, nas dúas seguintes.

Da primeira parte de Intempériome:

 

ÍSPEME o idioma e sábemo suando en sida.
A miña querida sida
Veleno que me inoculo cada día como pregaria
Ou forma
De non deixar de entender castigada dalgunha

 

Da segunda parte:

 

A unidade componse .
Da desorde.
Desordénome, amor,
E dou co punto
Único
Do centro dos abrazos.
Abrazo a desorde das ideas
E sei
Que a unidade se compón.
A unidade componse.
Da desorde

 

E da última:

 

De certo, a vida ía en serio.
Por iso mo
Cómplice nunha derrota que non
Sumabas. Feliz por terte insomne
Por inmortal.
Xa temos cadáveres amigos
E coñecidos,
Sabemos da morte o legado inútil
Intempériome, 2003

 

Todos estes volumes, e mais 63 poemas publicados en revistas e obras colectivas, foron recompilados posteriormente en Xela Arias. Poesía reunida (1982-2004), coma “A de quen comprende...” dedicado a Rosalía de Castro:

 

Nada novo, inmaculada Rosalía.
Tal sempre mulleres confinadas na construcción
doutros,
comprendes:
revólveseche a arma contra ti

 

Ao longo da súa traxectoria, Xelas Arias tamén publicou prosa (como "A fraga dos paxaros faladores e a fraga leopardicia", en Contos dos nenos galegos, un volume de contos premiados nos concursos infantís convocados pola Asociación Cultural O Facho en 1968-1983, ou "Que si que si", en Contos eróticos, editado por Xerais en 1990), e tivo unha abundante experiencia como tradutora, vertendo ao galego clásicos como Drácula, de Bram Stoker, Dublineses de James Joyce, Contos ó teléfono, de Gianni Rodari, As Bruxas, de Roald Dahl, ou mesmo O enxeñoso fidalgo don Quixote da Mancha de Miguel de Cervantes.

Este 17 de maio tes unha oportunidade de achegarte á obra desta poeta inclasificable. Non será a única opción de coñecer os poemas e traxectoria de Xela Arias, pois durante todo o 2021, numerosas entidades culturais e institucións, como a propia Real Academia Galega ou o Consello da Cultura Galega, dedicaranlle unha programación especial, con reedición dos seus libros, documentais, exposicións, lecturas ou actos públicos.

¿A qué esperas? Elige tu experiencia Caldaria
BUFFET ESPECIAL ARNOIA

BUFFET ESPECIAL ARNOIA

Oferta

PARA EL FESTIVO DEL DÍA DE LOS TRABAJADORES O PARA CELEBRAR CON LOS TUYOS EL DÍA DE LA MADRE -POSIBILIDAD DE COMBINARLO CON CIRCUITO ALVEA, ACTIVIDADES NÁUTICAS Y E-BIKE-

Ver más